miércoles, 23 de diciembre de 2015

‘Non basta cunha tirita, hai que conseguir o empoderamento'


Non basta cunha tirita, hai que conseguir o empoderamento'


Selena Pizarro | Santiago de Compostela

-       Xa está, xa votamos. Somos demócratas. E agora que? Cando van empezar a cumprir as promesas? Temos xa todos dereito a saúde?
-       Que dis! Nin que estiveramos no terceiro mundo, por favor. O dereito a saúde é para todas iguais, está recoñecido na Declaración Universal e na Constitución Española.
-       Todas? E as persoas inmigrantes?
-       Pois supoño que tamén, non? Se é para todas

Médicos do Mundo Galicia contabilizou no que vai de ano 80 casos de persoas que non teñen cobertura sanitaria. Até onte tiña claro dúas cousas. A primeira delas que a sanidade é un dereito público increbantábel. A segunda que ningún profesional médico pode negarse a atender unha urxencia sanitaria. Divina xuventude, pobre ilusa que son.

Non basta cunha tirita, hai que conseguir o empoderamento destas persoas, alegou Belén Torrón, psicóloga e traballadora no programa de inmigración de Médicos do Mundo. A organización  de cooperación ao desenvolvemento acompaña e coida á usuaria até que teña a alta asegurada no dereito a saúde, unha alta que as políticas públicas esquecen tendo que ser a propia asociación a que asuma até o final o proceso.



Médicos do Mundo Galicia enfróntase todos os días a situacións vergonzosas por parte da Administración e do sistema sanitario. Nalgúns casos disuádese a utilización das urxencias médicas alegando facturación posterior ou mandándolles a factura. A aplicación do código  deontolóxico está mediatizado polo medo dos profesionais a reibir amolestacións ou noutros casos por cuestións de racismo ou xenofobia. Xa non se debate do Real Decreto 16/2012, nin da Instrución do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública que recorta aínda máis dereitos que o anterior. Nin tan sequera a lei de estranxeiría aparece xa nos titulares. Non obstante, Marrocos segue encargándose de que non cheguen ou que o mar como alternativa acabe forzando un destino peor do que non temos fotografías como as de Aylan. Pero seguimos mirando para o outro lado e pensando que España o está facendo ben, porque en relación ao 2014 as cifras baixaron. África está evolucionando ou nós des-evolucionando?

 

Médicos do Mundo Galicia acompaña ás persoas que están en situación de irregularidade  -que non ilegalidade- burocrática no proceso interminábel para conseguir algo tan trivial como ter acceso á atención médica -un camiño no que precisamente nin a Administración pública, nin os organismos correspondentes axudan-. Encárganse de informar as súas usuarias como titulares de dereitos e as vulneracións ás que son expostas polo descoñecemento dos mesmos. Tentan fortalecer as asociacións entre as persoas coas que traballan, o obxectivo: conseguir o seu empoderamento.

Configúrase así unha maraña de trabas, de frustración, de desesperación e de violación contra o dereito a saúde recollido na Carta Magna. E ante este motín contra a cidadanía, Médicos do Mundo decide actuar a través da incidencia política, para que os titulares de obrigas respeten, protexan e cumpran co seu deber, para que representen á soberanía -que non son eles precisamente-. O SERGAS, os xuíces e os políticos teñen o deber de responder á petición que tanto tempo se leva reivindicando desde distintos colectivos. Non se pode permitir que unha muller de 80 anos teña que esperar anos para conseguir ter a cobertura médica que lle corresponde como persoa, nin que unha recén nada prematura teña que esperar tres meses para seren atendida, presentando pola tardanza problemas do corazón, propios desta situación precoz. As organizacións como Médicos do Mundo non están aquí para seren os salvadores, hai unha serie de responsabilidades que apuntan a determinados sectores que teñen a obriga de contestar e actuar con eficacia. Así que talvez, botar a papeleta na urna non asegura ningún dereito, despois toca inspección e presión.