lunes, 6 de abril de 2015

Día Mundial da Saúde

Madrid, luns 6 de abril de 2015. Os recortes en financiamento a nivel nacional e internacional e as restricións lexislativas ao dereito á saúde están dado lugar a unha situación de desprotección da cidadanía, especialmente rechamante nun mes de abril declarado como “Mes da saúde” pola Comisión Europea. Médicos do Mundo quere destacar que para reverter esta situación é imprescindible o compromiso político na defensa do dereito á saúde e dos sistemas públicos de saúde xa que son os únicos que poden garantir os obxectivos compartidos de universalidade, equidade e calidade dos servizos sanitarios.

Como sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS), non será posible afrontar os actuais retos para a saúde mundial se non se reforzan os sistemas públicos. Así, os principios da Declaración de Alma Ata: equidade, acceso universal, acción intersectorial, participación da comunidade e orientación dos servizos de saúde cara á prevención, acordados hai case 40 anos na Conferencia Internacional sobre Atención Primaria de Saúde celebrada en Alma Ata, Kazajistán, en 1978 seguen hoxe tan vixentes e necesarios como entón.

Recortes económicos e retrocesos sociais no estado español

Coa posta en marcha da reforma sanitaria de 2102, baixo a escusa da crise económica, impúxose unha transformación estrutural do modelo do Sistema Nacional de Saúde (SNS) que non só deixou por centos de miles de persoas sen asistencia sanitaria, ademais situounos nun desfasado sistema de aseguramento e copago pola prestación de determinados servizos. A medida anunciada hai poucos días polo Ministro de Sanidade, de permitir ás persoas estranxeiras en situación irregular acceder á Atención Primaria pero sen proporcionarlles Tarxeta Sanitaria, non rectifica de ningún modo este retroceso en dereitos humanos sinalado por diferentes organismos internacionais de dereitos humanos.

Segundo a información que, até o momento, púidose coñecer, o programa deseñado polo Ministerio é unha réplica dos que xa existen en oito de comunidades autónomas, entre elas Galicia, e respecto dos cales Médicos do Mundo sinala dúbidas importantes en canto á súa eficacia. As dificultades das persoas inmigrantes sen tarxeta sanitaria para cumprir algúns dos requisitos administrativos que se requiren, así como a falta de información suficiente e outras barreiras administrativas, fan difícil que todas as persoas susceptibles de beneficiarse destes programas consigan acceder a eles. Como mostra o caso canario, fronte aos 40.000 tarxetas sanitarias que se retiraron en 2012, a data de xaneiro de 2015 só 500 persoas puideron acceder ao Programa de Protección á Saúde Canario.
Se o Real Decreto-lei 16/2012 xustificouse con argumentos que fan alusión ao “turismo sanitario”, o anuncio do novo programa volve relacionar inmigración con problemas de saúde pública ou problemas de saturación en urxencias. Médicos do Mundo quere chamar a atención que ningún destes argumentos sostéñense á luz da literatura científica e os datos existentes.

Segundo Mariano Rajoy, a partir do 1 de setembro de 2012 déronse de baixa 873.000 tarxetas sanitarias de persoas estranxeiras “non residentes en España” sen especificar cantas destas persoas seguen vivindo no noso territorio. Esta iniciativa incluíuse entre as medidas de recuperación económica sen que se coñeza cal foi a súa repercusión no orzamento español, nin en termos de gasto nin de ingresos, tampouco se sabe o impacto que tivo no PIB nin na xeración de emprego.

O encarecemento do acceso a determinadas prestacións e medicamentos, a exclusión das persoas máis vulnerables e o incremento da desigualdade económica debido á crise xerou un aumento importante das desigualdades en saúde. Neste contexto, Médicos do Mundo documentou preto de 2.000 casos de persoas que sufriron algún tipo de vulneración ao dereito á saúde desde a entrada en vigor da reforma sanitaria e que se suman aos centos de casos recolleitos por outras organizacións sociais.

Médicos do Mundo reivindica recuperar o modelo sanitario universal e público que é o único modelo realmente eficaz para afrontar os riscos e problemas de saúde pública que lle preocupan ao ministro.



Recortes no financiamento da cooperación española

A redución da Axuda Oficial ao Desenvolvemento española nun 70% nos últimos 5 anos pon de manifesto o escaso cumprimento por parte do estado Español dos seus compromisos internacionais nesta materia. De feito, desde 2009 -cando o investimento en AOD supuxo o 0,43% da Renda Nacional Bruta-, a caída foi imparable, chegando a situarse en 2013 no 0,16% (1.916 millóns de Euros). Os datos de 2014 e 2015 confirman que segue caendo. No caso das Comunidades Autónomas, o datos son igual de desalentadores  doce CCAA reduciron o seu AOD -especialmente Madrid e País Vasco- e só 5 CCAA aumentárona, destacando Andalucía.

A Axuda Oficial ao Desenvolvemento en saúde é o sector que máis recortes sufriu nos últimos 5 anos, en 2013 destináronse ao sector saúde 80,88 millóns de euros, representando o 4,12% do total da AOD, mentres que os datos de 2014 indican que a AOD en saúde baixa até os 32,72 millóns, situándose nun 1,83% de toda a AOD. A nivel autonómico temos claroscuros, mentres Cataluña e Andalucía incrementaron considerablemente o seu AOD en saúde, en catro CCAA, a  saúde converteuse nun sector residual.

Médicos do Mundo reivindica que a cooperación española cumpra os seus compromisos internacionais e asigne o 0,7% da Renda Nacional Bruta á Axuda Oficial ao Desenvolvemento e o 0,1% da RNB ao sector saúde.



A saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos requiren políticas proactivas

Este mes de abril terá lugar a 48 sesión da Comisión de Poboación e Desenvolvemento onde se abordarán temas clave vinculados coa saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos. Tal e como sucedeu o ano pasado cando se conmemorou o 20 aniversario da Conferencia do Cairo, témese que haxa un retroceso en dereitos sexuais e reprodutivos. Médicos do Mundo insta o Goberno español que contribúa activamente á adopción dunha axenda ambiciosa durante esta cita.

Así mesmo, Médicos do Mundo instamos a que a saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos sexan promovidos desde as políticas sanitarias e sociais estatais e locais e integrados dentro do marco da atención primaria de saúde, o sistema educativo e os servizos e recursos para mozos e mozas, como principais sectores, tanto no estado español como nos países nos que traballamos.