viernes, 17 de noviembre de 2017

A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública presenta o informe Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia


A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública, conformada polo Foro Galego de Inmigración, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional, Plataforma SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega de Medicina Familiar presentou o xoves 16 de novembro o informe Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia en Santiago de Compostela. No acto interviron Miguel Fernández Blanco (FGI), Enriqueta Lois Salgado (AI), Jesús Sueiro López (Agamfec), Manuel Martín (SOS Sanidade) e Inés Fernández de Córdoba (MdM), e a concelleira de Políticas Sociais Concepción Fernández Fernández, nun acto aberto ao público e medios de comunicación.

Estas entidades traballan en dúas vías complementarias: dun lado loitan contra os recortes na sanidade pública e o desmantelamento do sistema; doutra banda céntranse no dereito á saúde das persoas que atravesan un proceso de migración case sempre traumático e se atopan na nosa comunidade.

O informe, realizado por Médicos do Mundo Galicia coa colaboración do Concello de Santiago, recompila as vulneracións das que foi testemuña MdM durante os anos 2016 e 2017.  Os casos recollidos falan dunha discriminación constante que sofren as persoas migrantes na nosa comunidade á hora de acceder ao sistema de saúde e denuncian que a información que manexa a poboación sobre a Sanidade é falsa.

Ante afirmacións como “A atención sanitaria é gratuíta e universal”, o informe recompila vulneracións da accesibilidade por falta de información ou información incorrecta, por discriminación, accesibilidade física ou económica. Da mesma forma moitas persoas acudiron –e acuden cada día– a Médicos do Mundo por facturacións sistemáticas no servizo de urxencias e por negárselles a atención continuada despois de abandonar o hospital.

Dentro das persoas que viron o seu dereito á saúde vulnerado chama a atención o trato aos pacientes con enfermidades crónicas. Só no ano 2016 MdM rexistrou 44 casos de patoloxías crónicas, polo que rexeitan a veracidade da afirmación “se tes cancro serás atendido na sanidade pública”.

Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia recolle casos concretos de persoas que buscaron a axuda de Médicos do Mundo, as cifras das desas 107 persoas e datos presentados por outras entidades de autoridade, traxectoria e compromiso no campo da saúde para desmontar afirmacións como “as persoas migrantes saturan o sistema”, “todos os menores teñen dereito a un pediatra” ou “co Programa de Galego de Saúde aténdese a todo o mundo”, entre as referidas anteriormente.


A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública é contundente: “para poder establecer garantías contra a discriminación nas leis e regulamentos hai que abolir por completo o Real Decreto-lei 16/2012”. Engade que recoñecer que a discriminación nos centros sanitarios é un dos principias obstáculos para o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable implica traballar de forma coordinada co obxectivo de recoñecer como se dá esta discriminación e poñerlle fin.