viernes, 26 de febrero de 2016

Non olvidemos o factor de PAZ

-->
Por: @naaahmean   

Siria encóntrase nestes momentos nos obxectivos das cámaras dxs xornalistas, o ano 2015 convertiuse no período dxs refuxiadxs, da crise humanitaria que apareceu nos medios de comunicación tras a polémica fotografía dun neno kurdo afogado nas costas de Lesbos, Aylan. A situación deste país leva na espiral de violencia desde hai 40 anos reais e dous virtuais. Hafez al Asad do partido Baaz chegou ao poder en 1970 por un golpe de estado e foi o executor da masacre de Hama, coa tentativa de parar unha sublevación dos Irmáns Musulmáns comezada no 1976. Durante todos estes anos as torturas, os secuestros e os asasinatos estaban a orde do día, antes por al Asad pai, agora por al Asad fillo, mesmo bigote, mesma represión.

O 15 de marzo do 2011, no contexto das primaveras árabes, tiveron lugar as primeiras manifestacións en contra do réxime e a favor dos dereitos e liberdades para o pobo. A pesar do derrocamento dos totalitarismos en Túnez, Exipto e Libia, o baazaismo foi indestructíbel. Mais axiña empeora a situación, en xullo de 2013 o campamento de Yarmouk cae baixo asedio e ao ano seguinte o Daesh arrasa con cadáveres a cidade de Palmira.

Siria, que fai fronteira con Iraq -gobernado practicamente polo Estado Islámico despois da ocupación e por tanto posíbel suministradora de armas á resistencia-, foi duramente reprimida ante o temor dxs rebeldes. Unha represión que segue até o día de hoxe pero que os medios de comunicación desvinculan do conflito, no que consideran que a guerra continúa a ser a “loita contra o terrorismo”. Non importa o contexto, xa non se fala do Imperio Otomano, dos colonialismos, da grande estafa da Declaración de Balfour. Nin sequera aparece na prensa xs nenxs de Daraa, os que iniciarion a revolta. Tan só se mesturan estratexias xeopolíticas e bandos. Por un lado o bloque dos supervivintes do “comunismo”: Irán, Rusia e China; e polo outro, os inimigos de Bashar al Asad: Estados Unidos, Turquía, Francia, Gran Bretaña e Arabia Saudita –que agora parece estar máis entretida co Iemen-. A súa importancia estratéxica en oriente é o principal reclamo, porén, a cuestión rexional implica unha loita de forzas entre sunitas e chiítas, un conflito entre totalitarismos orientais e occidentais, milicias sirias e ISIS.


Actualmente o territorio sirio está blindado e os xornalistas e medios tan só poden acceder aos campos de refuxiadxs, onde son numerosas as denuncias ante a situación de supervivencia neles e a insultante resposta de occidente para acoller ás persoas que confirman o fracaso da Unión Europea como proxecto político. Esta actitude reflíctese no envío das tropas francesas á cidade de Raqqa tras os atentados de París o pasado 13 de novembro -que semellan as do 11S e a posterior acción democrática do goberno de Bush nas invasións de Afganistán e Iraq-. Amnistía Internacional e outras organizacións defensoras dos dereitos humanos anunciaron en informes recentes da permanente existencia de civís nas zonas dos ataques, danos colaterais.

Os gobernos sirio, ruso e iraní non contemplan culminar cun alto ao fogo, o seu empeño por acabar coa oposición é superior. Mentres, Occidente e a ONU non parecen estar moi dispostos na procura do cese desta escalada de violencia. Non obstante parecen estar preocupados polo terrorismo islámico a través de pactos que recortan máis aínda as liberdades, sen contar que a guerra en Siria –non o ISIS- é a responsábel do 90% das mortes e dos desprazamentos.

Cal é o camiño cara o fin deste xenocidio a longo prazo? A resolución do conflito sirio e o desarme, semellan utopías nas páxinas dos xornais, tanto que xa esquecen mencionar o factor de paz, como se a poboación siria estivese condeada á violencia endémica. Pero non sempre foi así, as pintadas nas paredes dxs nenxs de Daraa: “o pobo quere derrocar ao réxime”, e as manifestacións que sairon da mesquita dos Omeyas o 15 de marzo, revelan que houbo un tempo no que a xente saiu á rúa para reclamar algo tan cercano a nós como: unha vida digna. Logo veu o resto.

Ante gobernos déspotas, outros que se benefician da privatización das guerras e outros que se reafirman na súa incapacidade para manter a seguridade e na súa capacidade para alimentar a tiranía, cal debe ser a resposta da sociedade -que pensa non ter nada que ver-, que desterra as imaxes da súa mente despois dese minuto e medio –cada vez menos- que lle dedican as canles de televisión en prime time? Debemos ter coidado coa nosa indiferenza, xa que fomenta a complicidade coa nefasta política da comunidade internacional, que pensa que por ter un Consello de Seguridade xa non queda nada por esixir. Talvez, visto a utilidade deste órgano que tan só se traduce na asociación de seguridade co crecente aumento en defensa, pode que o seguinte paso sexa a súa disolución ou mesmo a creación dun Consello de Paz, quen sabe. Estase a patentar a necesidade de (re)educar aos nosos gobernos e aos nosos medios de comunicación nos valores do pacifismo dos 60, aquel que loitara contra as probas de armas químicas, que conseguiu a gran vitoria de Vietnam – aínda que fose vengada e violada posteriormente no Golfo-. A historia demostrou que en ocasións a búsqueda dun equilibrio de reconciliación entre as forzas enfrentadas pasa pola vía do diálogo. Non sei, pero polo menos, mentras falan non disparan.



Selena Pizarro