Fotos: manifestación 16 setembro 2010
Segundo a Constitución, vivimos nun Estado social e democrático de dereito, baseado en principios como a igualdade, a xustiza e a liberdade. Segundo o Artigo 47, todos os cidadáns e cidadás teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada: non sei se polo concepto excluínte de cidadanía, ou por caprichos do benestar, pero isto segue a ser unha ficción. É a clase política a que debe desenvolver e defender os dereitos plantexados na Constitución. Sen embargo as constantes loitas partidistas conseguiron converter os nosos dereitos en burlas; non só o dereito á vivenda, senón tamén o dereito a unha vida digna, á igualdade, ó pleno desenvolvemento da personalidade, etc. Temos visto morrer persoas na rúa, e vimos e vemos persoas vivir cada día sufrindo mentres que o que chamamos sociedade mira cara a outro lado.
Por iso, a RSGS convocou á cidadanía o día 16 de setembro de 2010, para ESIXIR que isto deixe de ser unha ficción. Ós máis de 300 sen teito da cidade correspóndelle por dereito un teito baixo o que durmir. E non só iso, senón un centro que, ademáis de permitirlles levar unha vida digna, que cubra as súas necesidades máis básicas e coidados sociosanitarios, supoña unha plataforma a unha recuperación persoal que lles permita a saída do círculo da pobreza e da exclusión social.
Este centro debe estar aberto todo o ano, xa que a vida non ten vacacións, e debe permitir a estancia prolongada das persoas usuarias durante o tempo que sexa necesario para que o equipo multidisciplinar co que debe contar constrúa con eles os seus proxectos vitais.
A RSGS non vai entrar en cuestións de emprazamento, senón de calidade: o centro debe cumprir determinados criterios básicos para evitar máis vulneracións de dereitos, cuestión que é compartida por Médicos do Mundo.