miércoles, 30 de marzo de 2011

¿Sen luz e sen auga?¿Sen fogar? Crónica do século XXI en Vigo. Capítulo I

CAPÍTULO I
   Xa hai 3 meses que comezamos unha aventura voluntarios de MDM polas noites de Vigo para coñecer de primeira man as necesidades das persoas sen fogar que viven na rúa na miña cidade. 
   Antes de comezar a relatar as miñas experiencias, quero resaltar con maiúsculas a calidade humana das persoas que traballamos xuntas neste "traballo", Tere a alma mater das saídas, Lucía, Ruth e Nuria, case todas mulleres ¿será verdade que teñen unha sensibilidade especial para tratar coas persoas con problemas? eu penso que si. 
   O proxecto que emprendemos a principios de ano como "Proxecto caldo" comezou atado por fíos pero a "humanidade" das persoas que integramos o grupo fixo que os fíos se converteran en aceiro, os venres como di a miña compañeira Nuria son baños de humildade para nos que vivimos nunha situación "cómoda", e fainos coñecer a "outra realidade", e apreciar nesta vida o que temos e minimizar os problemas e agobios que temos día a día. Non é un proxecto doado porque tódalas persoas coas que tratamos están escaldadas e queimadas coa sociedade e sobre todo coa clase política, pero teño que dicir que ata agora connosco foron a maioria sempre moi agarimosos e abríronse, porque eles si teñen unha necesidade real dun fogar e unha man que os axude a intentar saír da situación na que se atopan.
   Tamén e certo que levar o chaleco de MDM nos abre moitas portas, pois a organización é moi coñecida na miña cidade, e quen máis e quen menos tivo algunha experiencia xa coa nosa ONG no CEREDA e case sempre positiva.
   Os primeiros días foron de exploración para localizar os "choupanos" (casas ocupadas por chamalas dalgunha maneira) e as persoas que durmen en plena rúa, para logo ir a tiro fixo a falar con eles e coñecer a súa situación.
   Tódolos venres saímos o grupo e facemos unha ruta máis ou menos fixa e imos a atoparnos coa realidade que oculta a nosa sociedade, é dura pero enriquecedora, e penosa pero gratificante, e dolorosa pero real...a nosa "Tere" que ten contactos ata no inferno facilítanos moito a laboura.
   Eu teño que decir que os anos 80s que tanto dano fixo no meu barrio e na miña cidade, sérvenme para moverme coma peixe na auga nestes ambientes tan denostados, porque todos temos un pasado e ninguén debe renunciar de onde ven, e esa experiencia estouna aproveitando. Falamos con persoas e máis persoas que por unha ou outra circunstancia atopanse así, dende persoas de 20 anos ata persoas de 70 anos, con" estranxeiros" (non me gusta isto porque unha persoa é de onde pace e non de onde nace), vigueses e españois.
   Paises de procedencia ata agora moitos, dende Marrocos, Polonia, Perú, Portugal, España, e unha mesma coincidencia na situación infrahumana permitida e coñecida por toda a clase politica do meu "pais", dende o puto inferno elexido como fogar a un puto banco en plena rúa á choiva, isto é así...

Seguirá no CAPÍTULO II
  
 Celso