Dende Médicos do Mundo Galicia mostramos a nosa preocupación ante as noticias difundidas durante esta semana sobre a proposta do sr. Gallardón para que as persoas sen fogar sexan levadas a centros ou albergues aínda cando estas non desexen acudir.
En primeiro lugar consideramos que isto suporía un atentado contra a liberdade individual, asumindo ademáis que a rúa é un espacio público de libre permanencia. Só nos casos en que exista risco para a propia vida ou seguridade, así como para a de outras persoas, pódense tomar medidas contra a vontade dunha persoa e sempre baixo o amparo dunha incapacitación xudicial.
Hai que respectar, por tanto, que moitas persoas non desexen acudir a ditos recursos porque valoran de maneira prioritaria, outros aspectos da súa vida, como poden ser a prohibición da entrada con cans, a imposibilidade de compartir habitación coa súa parella, a falta de tranquilidade e seguridade en albergues moi grandes, a inadecuación dos horarios e normativas á poboación sen fogar, etc.
Por outra parte, inquédannos as puntualizacións que o señor Alcalde fai das persoas en situación de exclusión social, específicando que un 40% sofren trastornos psicolóxicos e/ou adictivos, xa que ademáis de que estes datos están alonxados da realidade, poden contribuir a unha maior estigmatización do colectivo e á asimilación de que a situación de pobreza é buscada e "merecida". Se ben é unha boa noticia que a problemática das persoas sen fogar sexa levada a un programa electoral para as Eleccións Municipais, neste caso, o punto de vista céntrase máis nunha cuestión estética que na verdadeira intención de mitigala ou solucionala.
Dende Médicos do Mundo, tras máis de 10 anos traballando cos sectores más excluídos do noso mal chamado primeiro mundo, sabemos que a verdadeira inclusión social supón unha intervención individual e polivalente de cada caso, non é unha mera cuestión de cobertura de necesidades básicas como poden ser a durmida e a alimentación (que é o que neste momento ofertan os albergues). Temos que ofertar recursos profesionais e públicos onde un equipo técnico aborde os diferentes matices que levaron a esa persoa a unha situación de exclusión social severa (traballo, dificultade de acceso á vivenda, problemas de saúde, falta de rede social e familiar de apoio, etc).
Precisamos centros onde se dean ferramentas para saír da pobreza, non só un abrigo ou refuxio onde descansar unhas cantas noites ó mes; por iso, levamos anos reivindicando a apertura dun Centro de Inclusión social en Vigo.