Máis de 60 organizacións e plataformas dos ámbitos social, profesional e científico de todo o estado, vimos de asinar o MANIFESTO CONTRA A EXCLUSIÓN SANITARIA, EN DEFENSA DA SANIDADE UNIVERSAL cando se cumpren dous anos da entrada en vigor do RDL 16/2012 de reforma sanitaria.
As organizacións e plataformas asinantes, dos ámbitos social, profesional e científico, denunciamos os impactos do mesmo e o incumprimento por parte do Goberno Español da lexislación internacional de dereitos humanos.
Podes adherirte ao manifesto premendo aquí
MANIFESTO
Cando se cumpren dous anos da entrada en vigor do RDL
16/2012, sesenta e unha organizacións e plataformas dos ámbitos social,
profesional e científico, denuncian os impactos do mesmo e o incumprimento por
parte do Goberno Español da lexislación internacional de dereitos humanos.
En abril de 2012 o Goberno aprobou o Real Decreto Lei
16/2012, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema
Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións (en
diante RDL). Con este RDL a asistencia sanitaria deixou de ser un dereito de
todas as persoas, e pasou a ser unha prestación vinculada á condición
administrativa de persoa asegurada. Ademais restrínxense certas prestacións e
auméntase a carga económica directa para as persoas. Dous anos despois o
balance non pode ser máis negativo:
- Tras a aplicación do RDL, polo menos 873.000 persoas
en España perderon o dereito á asistencia sanitaria, segundo cifras do propio Goberno.
Falamos dunha poboación especialmente vulnerable e que debería gozar de medidas
de protección sociosanitarias. Hai que apuntar ademais que se trata dun
colectivo que, do mesmo xeito que todo cidadán, vén contribuíndo ao seu
financiamento mediante os impostos.
- A diferente aplicación do RDL polas Comunidades
Autónomas (CCAA) e a disparidade de criterios na aplicación da normativa por
parte dos centros sanitarios deteriorou aínda máis a cohesión territorial no
Sistema Nacional de Saúde, e converteu o acceso á atención sanitaria nun
auténtico labirinto administrativo.
- Mesmo naqueles supostos nos que o RDL recoñece o
dereito á atención (embarazadas, menores, atención de urxencias…) orixináronse
numerosos casos de desatención, sen que, até a data, se tomara ningunha
iniciativa para atallar estes incumprimentos.
- Ao desprazar a atención ás urxencias (de esta lograrse)
xerase atraso diagnóstico e agravamento das patoloxías, o que supón un aumento
do gasto sanitario para a súa atención. Estudos noutros países demostraron que
medidas de exclusión sanitaria similares xeraron un gasto até catro veces maior
do que custaría cunha atención inclusiva.
- A esixencia de firma de compromisos de pago, a
facturación indebida da atención en urxencias e outros impedimentos para o
acceso ao sistema sanitario, van xerando un efecto disuasorio e unha ruptura da
continuidade asistencial, que está a pór en grave risco a saúde e a vida das
persoas, tal como organizacións médicas evidenciaron nos falecementos de Alpha
Pam en Mallorca, Soidade Torrico en Valencia e Janneth Beltrán en Toledo.
- A pesar de que algunhas CCAA emitiron instrucións
para asegurar asistencia sanitaria para toda a poboación nos supostos de risco
para a saúde pública, o citado RDL senta as bases para que se produza un
retroceso nos programas de prevención, vixiancia e control de enfermidades
tanto transmisibles como non transmisibles. As dificultades de acceso de
sectores de poboación ás medidas propostas para evitar a aparición de novos
casos e/ou o control de brotes epidémicos (vacinación, quimioprofilaxe ou
inmunoprofilaxe, illamento, diagnóstico ou tratamento), ten repercusións non só
no ámbito individual senón tamén na saúde colectiva.
- Nun contexto de incremento da desigualdade económica
(no catro anos iniciais da crise, a desigualdade nos ingresos creceu na mesma
medida que se logrou reducir nos vinte e dous anos previos) o encarecemento do
acceso a determinadas prestacións e medicamentos, e a exclusión sanitaria das
persoas máis vulnerables, provocados pola promulgación do RDL, xerou un
incremento relevante das desigualdades en saúde, como empeza a demostrarse
nalgunhas CCAA. Está demostrado que o incremento na desigualdade de ingresos
produce un aumento de problemas de saúde, un peor uso dos medicamentos e un
incremento xeral do sufrimento.
- Resulta
preocupante o posible impacto de xénero do RDL, dados os crecentes obstáculos
que están a atopar as mulleres migrantes a quen se lles retirou a tarxeta
sanitaria, o que dificulta a detección de casos de violencia de xénero, así
como a adecuada asistencia en casos de violencia sexual. No caso das vítimas de
trata de seres humanos limítase o acceso a quen se lles outorga o período de
restablecemento e reflexión, mentres que á maioría non se lles recoñece o
dereito á asistencia sanitaria. De igual maneira, convén lembrar que son as
mulleres o colectivo maioritariamente afectado pola desigualdade económica.
- Varios organismos de Nacións Unidas e do Consello de
Europa subliñaron que esta reforma contravén estándares internacionais de
dereitos humanos. Dirixiron numerosas recomendacións ao Goberno español
instándolle a garantir o acceso á atención sanitaria das persoas migrantes,
independentemente da súa situación administrativa. Así mesmo, pedíronlle que
avalíe o impacto da reforma sanitaria en termos de dereitos humanos, e
lembráronlle que as normas de dereitos humanos non poden ser ignoradas polas
presións fiscais. Até a data o Goberno non cumpriu ningunha destas
recomendacións.
- Pola súa banda, o Tribunal Constitucional en dous
autos afirma que “o dereito á saúde e o
dereito á integridade física das persoas afectadas…, así como a conveniencia de
evitar riscos para a saúde do conxunto da sociedade, posúen unha importancia
singular no marco constitucional, que non pode verse desvirtuada pola mera
consideración dun eventual aforro económico que non puido ser concretado”.
Efectivamente, antes de implantar o RDL non se analizou nin comunicou con
claridade o aforro que ía supor e até a data non se publicou ningún cálculo
respecto diso.
- Ante esta situación instamos o Goberno de España a
derrogar o RDL 16/2012, e elaborar unha nova Lei de Sanidade:
- Que naza dun amplo consenso coas diversas forzas políticas, organizacións sociais e sociedades científicas.
- Que estableza as condicións para un Sistema Nacional de Saúde, universal, de calidade, e sustentable sobre a base dunha xestión eficiente, eficaz e transparente.
- Que garanta o dereito á protección e promoción da saúde establecido na Constitución Española, e o dereito de toda persoa ao gozar do máis alto nivel posible de saúde, tal e como é definida pola Organización Mundial da Saúde: completo estado de benestar físico, psíquico e social e non só a ausencia de enfermidade, como marco das políticas, plans e estratexias de saúde e base do modelo integrador bio-psico-social de atención á persoa enferma, dereito tamén recollido no Pacto Internacional de Dereitos Sociais, Económicos e Culturais ratificado por España.
Madrid 30 de
Setembro de 2014
ACATHI (Associació Catalana per a la
Integració d'Homosexuals --- AFEM (Asociación de Facultativos Especialistas de
Madrid.) --- Alianza por la solidaridad. --- AMaSaP (Asociación
Madrileña de Salud Pública.) --- Amnistía Internacional.--- APDHA (Asociación pro
Derechos Humanos de Andalucía).--- Apoyo Positivo.--- Asociación
Cultural Candela --- Asociación de Ayuda contra la Drogadicción
"SILDAVIA" --- Asociación de Usuarios de la Sanidad Región de
Murcia.--- AEDIDH (Asociación
Española para el derecho internacional de los derechos humanos) --- Asociación
Patim.--- Asociación Salud y
Familia.
---ASTI (Asociación
de Solidaridad con los Trabajadores Inmigrantes) --- Attac España --- Bolo-Bolo
Castilla-La Mancha. --- Cáritas Española.--- CALCSICOVA --- CEAR (Comisión Española
de Ayuda al Refugiado).--- Centro de Defensa y Estudio de los Derechos Humanos --- CESIDA. --- COGAM. --- Colectivo Feminista
Las Tejedoras. --- Comisión General de Justicia y Paz. --- Comissió
Catalana d'Ajuda al Refugiat --- Comité Ciudadano Antisida de Salamanca. --- EAPN España --- EASP (Escuela Andaluza
de Salud Pública). --- Echeverria Abogados.--- Farmacéuticos Mundi. ---
FAUDAS (Federación Estatal de Asociaciones de Personas Afectadas por las
Drogas y el VIH) Federación de Asociaciones de SOS Racismo del Estado
español ---
Federación de asociaciones para la defensa de la sanidad pública. --- Federación
Trabajando en Positivo. --- FELGTB (Federación Estatal de Lesbianas, Gais,
Transexuales y Bisexuales). --- Foro Galego de inmigración. --- FPFE (Federación
de Planificación Familiar Estatal). --- Fundación 26 de Diciembre --- Fundació
Migra Studium - Servei Jesuita a Migrants. --- Fundación ACOBE. --- Fundación
Atenea. --- Fundación Bachue. --- Fundación Lucia --- HOAC (Hermandad obrera
de Accion Católica). --- INCIDE (Inclusión, Ciudadanía, Diversidad y Educación).
--- JEC (Juventud Estudiante Católica). --- JOC (Juventud Obrera
Cristiana).--- Médicos del Mundo. --- Médicos Mundi. --- MPDL (Movimiento por la Paz el
Desarme y la Libertad). --- POAS (Plataforma de Organizaciones de Accion Social). ---
Plataforma en Defensa Sanidad Pública del Sureste de Madrid. --- Proyecto
Esperanza-Adoratrices. --- PTS (Plataforma del Tercer Sector). --- Red
Acoge. --- Salud por Derecho. --- SARE (Prevención y apoyo a personas que
viven con vih de Pamplona). --- SEMFyC (Sociedad Española de Medicina
Familiar y Comunitaria). --- SESPAS (Sociedad Española de Salud Pública
y Administración Sanitaria.) --- Taula d'entitats del Tercer Sector Social
de Catalunya --- UNAD.