Madrid,
luns 6 de abril de 2015. Os recortes en financiamento a nivel nacional e
internacional e as restricións lexislativas ao dereito á saúde están dado lugar
a unha situación de desprotección da cidadanía, especialmente rechamante
nun mes de abril declarado como “Mes da saúde” pola Comisión Europea. Médicos
do Mundo quere destacar que para reverter esta situación é imprescindible o
compromiso político na defensa do dereito á saúde e dos sistemas públicos de
saúde xa que son os únicos que poden garantir os obxectivos compartidos de
universalidade, equidade e calidade dos servizos sanitarios.
Como
sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS), non será posible afrontar os
actuais retos para a saúde mundial se non se reforzan os sistemas públicos.
Así, os principios da Declaración de Alma Ata: equidade, acceso universal,
acción intersectorial, participación da comunidade e orientación dos servizos
de saúde cara á prevención, acordados hai case 40 anos na Conferencia
Internacional sobre Atención Primaria de Saúde celebrada en Alma Ata,
Kazajistán, en 1978 seguen hoxe tan vixentes e necesarios como entón.
Recortes económicos e retrocesos sociais no estado
español
Coa
posta en marcha da reforma sanitaria de 2102, baixo a escusa da crise
económica, impúxose unha transformación estrutural do modelo do Sistema
Nacional de Saúde (SNS) que non só deixou por centos de miles de persoas sen
asistencia sanitaria, ademais situounos nun desfasado sistema de aseguramento e
copago pola prestación de determinados servizos. A medida anunciada hai poucos
días polo Ministro de Sanidade, de permitir ás persoas estranxeiras en
situación irregular acceder á Atención Primaria pero sen proporcionarlles
Tarxeta Sanitaria, non rectifica de ningún modo este retroceso en dereitos
humanos sinalado por diferentes organismos internacionais de dereitos humanos.
Se o
Real Decreto-lei 16/2012 xustificouse con argumentos que fan alusión ao
“turismo sanitario”, o anuncio do novo programa volve relacionar inmigración
con problemas de saúde pública ou problemas de saturación en urxencias. Médicos
do Mundo quere chamar a atención que ningún destes argumentos sostéñense á luz
da literatura científica e os datos existentes.
Segundo
Mariano Rajoy, a partir do 1 de setembro de 2012 déronse de baixa 873.000
tarxetas sanitarias de persoas estranxeiras “non residentes en España” sen
especificar cantas destas persoas seguen vivindo no noso territorio. Esta
iniciativa incluíuse entre as medidas de recuperación económica sen que se
coñeza cal foi a súa repercusión no orzamento español, nin en termos de gasto
nin de ingresos, tampouco se sabe o impacto que tivo no PIB nin na xeración de
emprego.
O
encarecemento do acceso a determinadas prestacións e medicamentos, a exclusión
das persoas máis vulnerables e o incremento da desigualdade económica debido á
crise xerou un aumento importante das desigualdades en saúde. Neste contexto,
Médicos do Mundo documentou preto de 2.000 casos de persoas que sufriron algún
tipo de vulneración ao dereito á saúde desde a entrada en vigor da reforma
sanitaria e que se suman aos centos de casos recolleitos por outras
organizacións sociais.
Médicos do Mundo reivindica recuperar o modelo sanitario
universal e público que é o único modelo realmente eficaz para afrontar os
riscos e problemas de saúde pública que lle preocupan ao ministro.
Recortes no financiamento da cooperación española
A
redución da Axuda Oficial ao Desenvolvemento española nun 70% nos últimos 5
anos pon de manifesto o escaso cumprimento por parte do estado Español dos seus
compromisos internacionais nesta materia. De feito, desde 2009 -cando o
investimento en AOD supuxo o 0,43% da Renda Nacional Bruta-, a caída foi
imparable, chegando a situarse en 2013 no 0,16% (1.916 millóns de Euros). Os
datos de 2014 e 2015 confirman que segue caendo. No caso das Comunidades
Autónomas, o datos son igual de desalentadores
doce CCAA reduciron o seu AOD -especialmente Madrid e País Vasco- e só 5
CCAA aumentárona, destacando Andalucía.
A Axuda
Oficial ao Desenvolvemento en saúde é o sector que máis recortes sufriu nos
últimos 5 anos, en 2013 destináronse ao sector saúde 80,88 millóns de euros,
representando o 4,12% do total da AOD, mentres que os datos de 2014 indican que
a AOD en saúde baixa até os 32,72 millóns, situándose nun 1,83% de toda a AOD.
A nivel autonómico temos claroscuros, mentres Cataluña e Andalucía
incrementaron considerablemente o seu AOD en saúde, en catro CCAA, a saúde converteuse nun sector residual.
Médicos do Mundo reivindica que a cooperación española
cumpra os seus compromisos internacionais e asigne o 0,7% da Renda Nacional
Bruta á Axuda Oficial ao Desenvolvemento e o 0,1% da RNB ao sector saúde.
A saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos requiren
políticas proactivas
Este
mes de abril terá lugar a 48 sesión da Comisión de Poboación e Desenvolvemento
onde se abordarán temas clave vinculados coa saúde e os dereitos sexuais e
reprodutivos. Tal e como sucedeu o ano pasado cando se conmemorou o 20
aniversario da Conferencia do Cairo, témese que haxa un retroceso en dereitos
sexuais e reprodutivos. Médicos do Mundo insta o Goberno español que contribúa
activamente á adopción dunha axenda ambiciosa durante esta cita.
Así
mesmo, Médicos do Mundo instamos a que a
saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos sexan promovidos desde as políticas
sanitarias e sociais estatais e locais e integrados dentro do marco da atención
primaria de saúde, o sistema educativo e os servizos e recursos para mozos e
mozas, como principais sectores, tanto no estado español como nos países nos
que traballamos.