jueves, 4 de febrero de 2016

CIE NON!

CIE NON!

Selena Pizarro | Santiago de Compostela
@naaahmean


Samba Martine procedente de Melilla ingresou no CIE de Madrid o 11 outubro de 2011, e morreu
o 19 de decembro dese mesmo ano por non recibir a atención sanitaria que levaba tempo
tentando solicitar.

Os Centros de Internamento de Estranxeiros son infraestruturas que incumpren coa legalidade das
liberdades das persoas, onde ingresan por encontrarse en situación de irregularidade administrativa.
Estarán retidas até un máximo de 60 días, segundo a lei, á espera de seren deportadas -como
quen expulsa ás formigas do mantel cheo de migallas, insecticida e para adiante- aos seus paises
de orixe, ou ben seren postas en liberdade aínda que cunha orde de expulsión,
presentando dificultades para a regularización da súa situación e ante unhas condicións
de vulnerabilidade evidentes.

A inhumanidade destes lugares non reside só na expulsión da metade das persoas inmigrantes,
senón precisamente no medo e sufrimento que xeran naquelas que quedan nel, porque o goberno
en funcións non ten a suficiente capacidade para botalas a todas.

Numerosas organizacións sociais así como a Defensora do Pobo, a Fiscalía Xeral do Estado e a
propia ONU, levan anos denunciando as precarias condicións destes cárceres, onde dominan a
incomunicación e os malos tratos. No 2011 unha persoa de Arxelia estivo ingresada 30 días no
centro de Aluche, onde tentou aforcarse tras a desesperación ante os continuos castigos e agresións
policiais. Ademais, denunciáronse mesmo dúas mortes en Barcelona e Málaga, no 2012.

Ante esta crise de valores no tratamento das persoas, Médicos do Mundo Galicia reclama ás autoridades que, até que se produza o peche definitivo dos centros, garantan a dignidade e o dereito a
saúde -a través do Servizo Público- das retidas, así como, permitan o acceso libre de obstáculos ás
organizacións que traballan con estas persoas e aos medios de comunicación.

Desde Médicos do Mundo Galicia consideramos que as persoas en situación de irregularidade administrativa non son criminais, porén, esiximos a abolición dos CIE. Desde a organización sumámonos co Foro Galego de Inmigración á “Campaña Estatal por el Cierre de los CIEs”. Formamos parte dos colectivos antirracistas e de loita contra as fronteiras, por iso animamos á cidadanía a participar a través do boicote ás compañías cómplices destas violacións de dereitos humanos.

Aquí expoñemos algúns puntos interesantes do boicote da campaña @stopdeportacion
cos que se pretende defender a dignidade das persoas inmigrantes que viviron e viven nestas prisións
encobertas:
material para difundir da plataforma @Stopdeportacion

● Non viaxedes con Air Europa, Swift Air nin con ningunha entidade relacionda co Grupo
Globalia, estas son: Halcón Viajes, Viajes Ecuador, Latitudes, Iberrail, Touring Club e Travelplan;
así como, tampouco vos hospededes nos Hoteis Be Live.

● Difundide a campaña a través do material que podedes encontrar no blogue stopdeportacion.
wordpress.com, tamén podedes promover a organización de actos de protesta nas sedes físicas
das organizacións involucradas.

● Nos avións comerciais tamén se chegaron a producir este tipo de deportacións, se fordes
testemuñas dalgunha denunciádea, non colaboredes coas agresións a través do silencio ou da indeferenza.

No 2007, Osamuyi Aikpitanyi, de nacionalidade nixeriana, morreu asfixiado nunha destas
expulsións forzosas.

No ano 2013, as compañías Air Europa e Swift Air asinaron contratos co Ministerio de Interior
até o 2016, aproximadamente, 36 millóns de euros recibiron por participar nestes procesos de expulsións de persoas tratadas como cidadáns de segunda categoría. Estas medidas son levadas a
cabo por un goberno en funcións que evidencia a súa xenofobia investindo parte dos nosos
orzamentos nestes centros. Aínda que cabe recordar que a existencia destes cárceres deriva dunha
normativa antiinmigratoria procedente do Parlamento Europeo do 2008 e autorizada polo Partido
Socialista, coñecida como a Directiva da Vergonza, á que o estado español decidiu sumarse
polo que as responsabilidades políticas son patentes.

Non obstante, os nosos dirixentes aínda están a tempo de frear estas violacións de dereitos básicos que xuridicamente incorren a ilegalidade e por tanto obrigan os seus peches. Por certo, a opacidade no ámbito da investigación da xestión destes centros, tamén, é un dato relevante que deixa entrever o verdadeiro réxime penitenciairio dentro dos CIE. Porén, Médicos do Mundo Galicia tamén esixe ás autoridades a plena transparencia, deben garantir o dereito á información, tanto ás persoas internas dentro dos centros como ao resto da poboación civil.

SÚMATE Á CAMPAÑA CON @MDM_Galicia POLO PECHE DOS CIE, PARTICIPA NA DEFENSA
DAS LIBERDADES DAS PERSOAS!