viernes, 9 de mayo de 2014

Filipinas: Seis meses despois da devastación xerada polo tifón

Madrid, 8 de maio de 2014.- Catorce millóns de persoas afectadas, catro millóns de desprazadas, 6.201 falecidas e 1.785 desaparecidas, ademais dun millón de casas danadas ou destruídas, só en Filipinas, foi o balance a principios deste ano tras o paso do tifón Yolanda (tamén chamado Haiyán), nas illas de Leyte, Samar, Cebú e Panai. Tras seis meses de traballo en Tacloban e Carigara, na illa de Leyte, Médicos do Mundo España facilitou a asistencia sanitaria a unha poboación de 200.000 persoas no distrito de Carigara, mentres que indirectamente incidiu na recuperación dunha asistencia sanitaria adecuada para máis de 4 millóns de persoas, ao rehabilitar os dous hospitais desas zonas.
O hospital EVRMC, de Tacloban, é o de referencia para a rexión VII, a máis afectada polo tifón. Alí estase apoiando o sistema de vixilancia epidemiolóxica, a xestión de farmacias hospitalarias e subministracións médicas e o manexo adecuado de residuos hospitalarios. Traballar na redución de riscos nunha área especialmente vulnerable aos desastres naturais tamén resulta prioritario na estratexia de intervención da nosa organización na zona.
Quirófanos, radioloxía e obstetricia, prioritarias na rehabilitación de hospitais
Os proxectos para a recuperación funcional dos dous hospitais na illa de Leyte céntranse no restablecemento da actividade e a mellora dos servizos de urxencias no hospital de referencia de Tacloban (desde a optimización do fluxo de pacientes até a formación específica en diferentes ámbitos técnicos) e na rehabilitación e reconstrución de todo o hospital distrital de Carigara, severamente danado na súa estrutura e equipamento. Préstase especial atención ao quirófano (inoperativo despois do tifón e xa funcional) e á área de radioloxía, así como ao laboratorio e aos servizos de obstetricia e saúde sexual e reprodutiva, prioridades sempre na intervención de Médicos do Mundo España. Ademais, adquiriuse equipamento médico e unha ambulancia para a derivación de pacientes críticos a Tacloban. Así mesmo, aquí estase traballando nunha planta de tratamento de residuos hospitalarios que permitirá ao hospital posuír un plan de xestión integral dos residuos, evitando carrexar inconvenientes aos pacientes, ao persoal, á poboación e ao medioambiente.
Cooperación a longo prazo, a aposta de Médicos do Mundo
Médicos do Mundo España, dentro da súa filosofía de actuación, aposta por un traballo de cooperación ao desenvolvemento a longo prazo nos lugares nos que actuou previamente como organización humanitaria, con tarefas de emerxencia. E é que, unha vez apagados os focos mediáticos, resulta esencial a reconstrución completa de infraestruturas, a rehabilitación e adecuación dos servizos de saúde básicos e o traballo con toda a comunidade na preparación e redución de risco en caso de desastres, nunha rexión da terra especialmente proclive ás  catástrofes naturais.

XUNTANSE FOTOGRAFÍAS DOS HOSPITAIS DE TACLOBAN E CARIGARA TOMADAS POLO EQUIPO DE MÉDICOS DO MUNDO EN FILIPINAS