Ante a posible aprobación en Consello de Ministros do anteproxecto da
lei do aborto, Médicos do Mundo, a Asociación de Enfermaría Comunitaria (AEC), a Asociación madrileña de Saúde Pública (AMaSaP) e a Sociedade Española de Saúde Ambiental (SESA) insisten na súa oposición a esta lexislación, que
implica unha diminución da autonomía, os dereitos e a saúde das mulleres e é
contraria aos compromisos internacionais en materia de dereitos sexuais e
reprodutivos.
Por iso, os asinantes deste
comunicado loitarán para que o proxecto de lei do aborto non chegue a ver a luz
e solicita ao Goberno español, ademais da retirada do texto lexislativo, que
garanta ás e aos mozos o acceso a unha educación afectivo-sexual que lles
permita tomar decisións fundamentadas na materia e que facilite ás mulleres o
acceso a métodos anticonceptivos modernos e seguros, incluíndo a anticoncepción
de urxencia.
A norma impón ademais unha demora
dos tempos que pode afectar negativamente aos prazos recomendables para un
aborto seguro e incrementará a brecha de desigualdade social e económica: as
mulleres con suficientes recursos económicos evitarán ese calvario e buscarán a
forma de interromper o seu embarazo fóra do noso país, mentres que as mulleres
sen recursos recorrerán a abortos inseguros ou se verán obrigadas a facer
fronte a embarazos non desexados.
As consecuencias negativas desta
norma, no caso de que supere o trámite parlamentario, serán especialmente duras
para as mulleres en situación de exclusión social, para as que sobreviven con
rendas máis baixas e para as inmigrantes sen acceso á sanidade. Ademais de pór
en perigo as súas vidas, a norma enfrontaraas a un clima de rexeitamento e
estigmatización.
Desde a súa experiencia
médico-humanitaria, estas organizacións queren lembrar que os abortos en
condicións de risco causan a morte de case 50.000 mulleres no mundo, cada ano e
causan a invalidez temporal ou permanente doutros 8 millóns.
A interrupción legal do embarazo
é unha das intervencións máis seguras nos países desenvolvidos (menos de 1
morte por cada 100.000 intervencións), mentres que os abortos inseguros
implican un risco de morte de 220 veces maior.
A lexislacións máis duras, máis abortos
Hai evidencia de que o número de
abortos inducidos é menor nos países que teñen unha lexislación liberal en
comparación cos que manteñen unha restritiva. Por exemplo, a taxa de aborto é
de 29 por cada 1000 mulleres en idade de procrear en África e 32 por cada 1000
en América Latina, zonas onde a maioría das leis prohiben esta práctica. Con
todo, en Europa Occidental, onde as leis relativas ao aborto son xeralmente
máis liberais, esta taxa é do 12 por 1000[1].
Dito doutra maneira, as leis restritivas de acceso á interrupción voluntaria do
embarazo non conseguen reducir o número de abortos.
Ademais, con esta lei, España
nadará contracorriente do contexto europeo, no que todos os países europeos con
excepción de Malta, Irlanda e Polonia contan con leis de prazos ou de supostos.
Un proxecto de lei que contradi as recomendacións dos organismos de dereitos
humanos e é contrario aos compromisos internacionais subscritos por España ante
Nacións Unidas, dos cales terá que render contas ante a Asemblea Xeral de
Nacións Unidas o próximo mes de setembro.
Por último, estas organizacións
esixen ao executivo a restitución do modelo sanitario universal vixente no noso
país até a entrada en vigor da reforma sanitaria, que deixa ao colectivo de
mulleres inmigrantes en situación administrativa irregular en situación de
especial vulnerabilidade.
[1]
Institut Guttmacher. Feitos sobre o aborto inducido no mundo, 2012.