1 de
setembro. Dous anos desde a entrada en vigor da reforma sanitaria
Cando se
cumpren dous anos desde a entrada en vigor do Real Decreto Lei 16/2012 de 20 de
abril, de medidas urxentes para garantir
a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e
seguridade das súas prestacións (RDL), Amnistía Internacional, Centro por
los Derechos Económicos y Sociales, Médicos del Mundo e Red Acoge denuncian que
o Estado español incumpriu as recomendacións de diversos mecanismos de Nacións
Unidas e do Consello de Europa, que pedían a reforma do RDL e lembraban que o
Estado español ten obrigacións legais en materia do dereito á saúde, tamén con
respecto ás persoas migrantes en situación administrativa irregular.
Mesmo antes da
entrada en vigor do RDL, xa o Comité de
Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas solicitou a
España que a reforma lexislativa non limitase o acceso das persoas aos servizos
de saúde, calquera que fose a súa situación legal, e pediu ao Goberno que
avaliase o impacto de dita reforma nos colectivos en situación de
vulnerabilidade.
Pola súa
banda, en xuño de 2013, o Relator
Especial de Nacións Unidas sobre as formas contemporáneas de racismo,
discriminación racial, xenofobia e formas conexas de intolerancia cualificou a
reforma sanitaria como un “feito
lamentable” e mostrou a súa preocupación pola imposición de barreiras
económicas.
En abril de
2014, seis Relatores Especiais e Expertos
Independentes de Nacións Unidas, liderados pola Relatora especial de extrema pobreza e dereitos humanos lembraron
ao Goberno español que as normas básicas de dereitos humanos non poden ser
ignoradas polas presións fiscais.
Asemade, en
xaneiro de 2014, o Comité de Dereitos
Económicos e Sociais do Consello de Europa destacou que esta reforma era
contraria á Carta Social Europea, da
cal España é Estado parte.
A pesar do
consenso existente entre os organismos internacionais, as súas insistentes
chamadas e expresións de preocupación e as peticións reiteradas de reforma do
RDL, o Goberno español non as tivo en conta. Pola contra, as autoridades
seguiron implementando a reforma sanitaria e continuaron adoptando normas que
profundan aínda máis a exclusión sanitaria, como é o caso da Orde
SSI/1475/2014, de 29 de xullo, que regula o procedemento de subscrición do
convenio especial de prestación de asistencia sanitaria.
As
organizacións, que subscriben este comunicado, alertan de que o importe
económico que se establece para suscribir o convenio, podería supor unha
barreira ao acceso á atención sanitaria das persoas en situación de maior
vulnerabilidade. Neste sentido, as organizacións lembran que os estándares
internacionais sobre o dereito á saúde esixen a accesibilidade económica como
un dos elementos esenciais do dereito á saúde. Estes convenios obrigan a un
pago ás veces superior aos dun seguro privado por unha prestación sanitaria moi
limitada, que non inclúe o acceso a especialistas e obriga ao paciente a
custearse o cento por cento da medicación.
Falta de avaliación do impacto en dereitos humanos
Nestes dous
anos, o Ministerio de Sanidade retirou o cartón sanitario a 873.000 persoas.
Neste tempo non fixo pública ningunha análise sobre o efecto disuasorio da
reforma sanitaria en persoas migrantes en situación administrativa irregular,
nin na identificación das mulleres vítimas de violencia de xénero e de trata.
Tampouco explicou as posibles irregularidades na aplicación do RDL, como poidan
ser a facturación da atención médica de urxencias, tal e como denunciaron
organizacións médicas e Amnistía Internacional.
O acceso á
medicación é outro dos puntos de especial preocupación de Médicos del Mundo, xa
que o incremento do copago farmacéutico por unha banda, e o feito de que as
persoas excluídas do Sistema Nacional de Saúde teñan que abonar o cento por
cento da medicación por outra, está a afectar á continuidade dos tratamentos
nas persoas en situación máis vulnerable, o que pode ter serias repercusións na
súa saúde, sobre todo cando se trata de enfermidades graves. Ademais, podería
supor un incremento do gasto sanitario cando estas persoas requiran de atención
sanitaria de máis complexidade debido á evolución da enfermidade (urxencias,
hospitalizacións etc) non debidamente atendida.
As
organizacións valoran positivamente o discurso que España mantén en foros
internacionais de compromiso cos mecanismos de protección de dereitos humanos
de Nacións Unidas. Por iso e a través dunha carta á Ministra de Sanidade,
Servizos Sociais e Igualdade, as organizacións pídenlle ao Goberno que, de
forma coherente co devandito posicionamento, cumpra coas súas obrigacións
internacionais e coas recomendacións de Nacións Unidas, reformando o Real
Decreto Lei, asegurando a universalidade do dereito á saúde, e garantindo de
maneira urxente o acceso á atención sanitaria ás persoas migrantes,
independentemente da súa situación legal.
Información de contexto
O 1 de
setembro de 2012 entrou en vigor o Real Decreto Lei 16/2012 (RDL). Con este
RDL, España incorreu nunha violación dos dereitos humanos, por limitar o
dereito á saúde que podería afectar ao dereito á vida dalgúns dos colectivos
máis vulnerables da sociedade e por tratarse dunha medida regresiva e
discriminatoria.
As persoas sen
tarxeta sanitaria só serán atendidas nos seguintes casos: urxencias, supostos
de embarazo, parto e posparto, menores, solicitantes de protección
internacional e vítimas de trata de seres humanos en período de restablecemento
e reflexión. Con todo, persoas con enfermidades crónicas como o cancro ou
diabetes non teñen acceso a asistencia sanitaria gratuíta.
Un caso que
pode ser ilustrativo do impacto negativo da reforma sanitaria é o de Alpha Pam,
cidadán senegalés de 28 anos sen tarxeta sanitaria, que faleceu de tuberculose
o 21 de abril de 2013, a pesar de que o tratamento gratuíto da súa enfermidade
atopábase contemplado nos criterios xerais sobre asistencia sanitaria a persoas
migrantes das Illas Baleares. A Alpha Pam diagnosticáronlle bronquite no
Hospital de Inca, sen efectuarlle unha radiografía nin decidir o seu ingreso.
Segundo información recibida polas organizacións, o centro de saúde negouse a
realizarlle probas diagnósticas até en tres ocasiones e mesmo lle advertiron de
que, pola súa condición de inmigrante, tiña que pagar a visita. Ante o
ocorrido, a Consellería de Saúde elaborou unha “investigación reservada” en cuxas conclusións se ordena a
destitución do xerente do Hospital de Inca e a apertura de tres expedientes
disciplinarios. O informe recoñeceu erros administrativos na xestión da
atención sanitaria de Alpha Pam.
Este
comunicado subscríbeno: Amnistía Internacional, Centro por los Derechos
Económicos y Sociales, Médicos del Mundo e Red Acoge.