martes, 17 de noviembre de 2009
Morrer sen teito, Malvivir na rúa
Frío,
durmir no chan,
vento
e choiva na rúa
Data de publicación: 14/11/2009 , La Voz de Galicia
http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/11/14/0003_8105648.htm
A pasada noite durmín na rúa. Pódovos asegurar que é moi duro. Frío, durmir no chan, vento e choiva... e iso que a onda de frío non chegou, segundo din. A compañía era excepcional: unha trintena de persoas sensibles ás necesidades do colectivo máis vulnerable da nosa cidade. Moitas delas tan sensibles como que viven isto en primeira persoa. A dureza da noite compartimola coa mala noticia de saber que esta loita non se vai resolver a curto prazo, e isto fai que o desánimo sexa maior, se cabe. Ao espertar a cabeza pesaba algo máis do normal, sentíame espesa, lenta, cansa... as ideas atropelabanse e os argumentos para entender o que pasa se te atopas na rúa sobrepasan toda a lóxica máis racional.
A noite dá para pensar moitas cousas... ¿Que faría eu se como muller me vexo na rúa? ¿Onde podo ir para tentar resolver a miña situación? ¿Como podería recuperar a miña dignidade como persoa? O que necesitan estas persoas sen fogar deberiamos de experimentalo aínda que fose por uns intres... ou unha noite.... Non quero nin contarvos como tiven que solucionar as miñas necesidades fisiolóxicas. ¡¡Moi duro!! Compre ter moita resistencia sobrehumana para non seguir morrendo nas nosas rúas.