A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública, conformada polo
Foro Galego de Inmigración, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional,
Plataforma SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega de Medicina Familiar
presentou o xoves 16 de novembro o informe Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia en Santiago de Compostela.
No acto interviron
Miguel Fernández Blanco (FGI), Enriqueta Lois Salgado (AI), Jesús Sueiro López
(Agamfec), Manuel Martín (SOS Sanidade) e Inés Fernández de Córdoba (MdM), e a
concelleira de Políticas Sociais Concepción Fernández Fernández, nun acto
aberto ao público e medios de comunicación.
Estas entidades traballan en dúas vías complementarias:
dun lado loitan contra os recortes na sanidade pública e o desmantelamento do
sistema; doutra banda céntranse no dereito á saúde das persoas que atravesan un
proceso de migración case sempre traumático e se atopan na nosa comunidade.
O informe, realizado por Médicos do Mundo Galicia coa
colaboración do Concello de Santiago, recompila as vulneracións das que foi
testemuña MdM durante os anos 2016 e 2017. Os casos recollidos falan
dunha discriminación constante que sofren as persoas migrantes na nosa
comunidade á hora de acceder ao sistema de saúde e denuncian que a información
que manexa a poboación sobre a Sanidade é falsa.
Ante afirmacións como “A atención sanitaria é gratuíta e
universal”, o informe recompila vulneracións
da accesibilidade por falta de información ou información incorrecta, por discriminación,
accesibilidade física ou económica. Da mesma forma moitas persoas acudiron
–e acuden cada día– a Médicos do Mundo por facturacións sistemáticas no servizo
de urxencias e por negárselles a atención continuada despois de abandonar o hospital.
Dentro das persoas que viron o seu dereito á saúde
vulnerado chama a atención o trato aos pacientes con enfermidades crónicas. Só
no ano 2016 MdM rexistrou 44 casos de patoloxías crónicas, polo que rexeitan a
veracidade da afirmación “se tes cancro serás atendido na sanidade pública”.
Cinco
anos de discriminación sanitaria en Galicia recolle casos
concretos de persoas que buscaron a axuda de Médicos do Mundo, as cifras das
desas 107 persoas e datos presentados por outras entidades de autoridade,
traxectoria e compromiso no campo da saúde para desmontar afirmacións como
“as persoas migrantes saturan o sistema”, “todos os menores teñen dereito a un
pediatra” ou “co Programa de Galego de Saúde aténdese a todo o mundo”, entre as
referidas anteriormente.
A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública é contundente:
“para poder establecer garantías contra a discriminación nas leis e
regulamentos hai que abolir por completo
o Real Decreto-lei 16/2012”. Engade que recoñecer que a discriminación nos centros sanitarios é un dos principias obstáculos
para o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable implica
traballar de forma coordinada co obxectivo de recoñecer como se dá esta
discriminación e poñerlle fin.