Madrid,
luns 6 de abril de 2015. Os recortes en financiamento a nivel nacional e
internacional e as restricións lexislativas ao dereito á saúde están dado lugar
a unha situación de desprotección da cidadanía, especialmente rechamante
nun mes de abril declarado como “Mes da saúde” pola Comisión Europea. Médicos
do Mundo quere destacar que para reverter esta situación é imprescindible o
compromiso político na defensa do dereito á saúde e dos sistemas públicos de
saúde xa que son os únicos que poden garantir os obxectivos compartidos de
universalidade, equidade e calidade dos servizos sanitarios.
Como
sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS), non será posible afrontar os
actuais retos para a saúde mundial se non se reforzan os sistemas públicos.
Así, os principios da Declaración de Alma Ata: equidade, acceso universal,
acción intersectorial, participación da comunidade e orientación dos servizos
de saúde cara á prevención, acordados hai case 40 anos na Conferencia
Internacional sobre Atención Primaria de Saúde celebrada en Alma Ata,
Kazajistán, en 1978 seguen hoxe tan vixentes e necesarios como entón.
Recortes económicos e retrocesos sociais no estado
español
Coa
posta en marcha da reforma sanitaria de 2102, baixo a escusa da crise
económica, impúxose unha transformación estrutural do modelo do Sistema
Nacional de Saúde (SNS) que non só deixou por centos de miles de persoas sen
asistencia sanitaria, ademais situounos nun desfasado sistema de aseguramento e
copago pola prestación de determinados servizos. A medida anunciada hai poucos
días polo Ministro de Sanidade, de permitir ás persoas estranxeiras en
situación irregular acceder á Atención Primaria pero sen proporcionarlles
Tarxeta Sanitaria, non rectifica de ningún modo este retroceso en dereitos
humanos sinalado por diferentes organismos internacionais de dereitos humanos.








